A expresión política nacionalista comezou a xestarse dende o século XIX. O primeiro episodio protagonizouno o provincialismo liberal, do que foi máximo expoñente Antolín Faraldo, e que culminou cun episodio tráxico: A revolución de 1846 obtivo o apoio de militares liberais que serían derrotados e que se saldou co fusilamento dos oficiais máis destacados, os chamados Mártires de Carral. Daquel episodio quédanos o que sen dubida é o manifesto máis fermoso que teña visto a luz na Galiza, publicado o día 20 de Abril no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra, maña cúmprense 160 anos da súa publicación:
A XUNTA SUPERIOR PROVISIONAL DE GOBERNO DA GALIZA
AOS SEUS HABITANTES.
[...] (No inicio fai un resumo de proclamas, ideas e feitos vinculados ao liberalismo)
Á inmortal Lugo cópolle a gloria de ser a primeira que deu ese berro santo, que é o eco de todos os corazóns, e na bandeira enarborada o día 2 de abril, sobre os muros daquela cidade, están escritos os pensamentos e desexos de toda a nación. Por isto o país respondeu ao instante á máxica verba que resoou en Lugo, Santiago, Pontevedra, Vigo Tui, Baiona, e os demais pobos do antigo Reino da Galiza reúnense en torno da única bandeira que pode salvarnos da ignominia e opresión, das tebras e a miseria.
Os cidadáns que subscriben e os que chegarán moi pronto a esta cidade, ao constituírse en Xunta Superior Provisional de Goberno das catro provincias da Galiza, polo voto unánime do pobo e do exercito, erguen en alto a bandeira de Lugo porque é patriótica, grandiosa, santa, e gravan nela con man firme o pensamento da revolución de 1846, seguros que cumpren a vontade do país poñendo como lema: ISABEL II LIBRE E CONSTITUCIONAL, ABAIXO O SISTEMA TRIBUTARIO, LIBERDADE, INDEPENDENCIA NACIONAL, CORTES CONSTITUINTES.
Ao tomar sobre os seus ombros unha misión tan honrosa como delicada só lles é dado anunciar que a cumprirán con resolución e lealdade, deixando o encargo de xustificar os seus actos, porén a vida dos seus individuos é ben pública para que poida inspirar desconfianza. Harmonizar todos os desexos e todas as vontades, dirixir a unha soa fin os esforzos dos pobos e tropas, centralizando a acción revolucionaria, e creando un directorio activo e intelixente que poña ás catro provincias da Galiza en estado de despregar todo o seu formidábel poder para poder propagar este alzamento tan puro e lexitimo pola súa orixe como sublime e inmenso pola súa fin, serán as principais tarefas da Xunta superior. Ningún obstáculo faralle retroceder na marcha e dende a altura onde a colocan os sucesos chamará aos pobos a quebrar as cadeas na fronte dos tiranos.
Cree, tamén, dentro da súa conciencia que ten outro deber que cumprir con respecto a Galiza. Ata agora a revolución foi unha horríbel mentira unha farsa impía... É tempo de que se realicen as encantadoras promesas que romperon os sacerdotes da política, recollendo os froitos de tanta abnegación e de tanto sacrificio. O pobo conquistará nesta revolución o que lle arrebataron os cómicos dos pronunciamentos: pan e dereitos, Galiza, arrastrando até aquí unha existencia oprobiosa, convertida nunha verdadeira colonia da corte, vai a erguerse da súa humillación e abatemento. Esta Xunta, amiga sincera do país, consagrarase a engrandecer o antigo Reino da Galiza, dando proveitosa dirección aos numerosos elementos que atesoura no seu seo, erguendo os cimentos dun porvir de gloria. Para conseguilo esforzarase constantemente en fomentar intereses materiais, crear costumes públicos, abrir as fontes naturais da súa riqueza, a agricultura e o comercio, e poñer en harmonía coa época os hábitos e ideas que deixou unha sociedade decrépita fundada sobre a ignorancia. Espertando o poderoso sentimento do provincialismo, e encamiñando a unha soa fin todos os talentos e todos os esforzos, chegará a conquistar Galiza a influencia da que é merecedora, colocándose no alto lugar ao que está chamado o antigo reino do Suevos. Que a espada da Galiza faga inclinar unha soa vez a balanza na que pesan os destinos de España.
GALEGOS. A Xunta Superior Provisional non vacilará en asegurarvos, que contando co voso franco apoio, logrará que a nosa provincia* sexa temida e respectada por nacionais e estranxeiros.
Patria e liberdade. Santiago 15 de abril de 1846. Pio Rodríguez Terrazo, Presidente. José María Santos. Ramón Buch. Por acordo da Xunta: Antolín de Faraldo. Secretario.
*Clara alusión ao obxectivo provincialista que esixía a reunificación da Galiza nunha única provincia tralo desmembramento do antigo Reino en catro provincias.
1 comentário:
Assim se fai um manifesto, caralho!. A ver se aprendemos e nos deijamos dessas trapalhadas pseudocomunistas e choromiconas que são os manifestos nacionatas.
Já tenho uma ilusão na vida assinar um manifesto como iste.
M'cago na cona. Vivam os liberais!!!
Enviar um comentário