domingo, abril 16, 2006
160 Aniversario da Revolución de 1846
Este ano todo o mundo anda a celebrar o 75 aniversario da república, pero aquí nos Viosbardos celebramos con especial intensidade o 160 aniversario da Revolución de 1846, un dos acontecementos máis importantes na historia moderna da Galiza. O día 15 de Abril de 1846 constituíase a Xunta Superior do Reino da Galiza. Co obxecto de gobernar o Reino e coordinar os exércitos.
A revolución liberal-provincialista comeza o día 2 de abril cando Solís se pronuncia na praza Maior de Lugo. Santiago secunda inmediatamente o pronunciamento pasando a constituír a primeira Xunta Provincial. O primeiro fracaso da revolución prodúcese na Coruña onde o capitán xeral Villalonga logra deter aos progresistas coruñeses. O día 9 pronunciase en Pontevedra o capitán da Garda Civil Manuel Buceta e o día 10 o levantamento espallase a Vigo e a súa comarca.
Ao fracasar o pronunciamento no resto do Estado os feitos circunscribiranse só a Galiza, dándolle un carácter máis provincialista. O triunfar só en Galiza o alzamento a Xunta Superior do Reino da Galiza prantexa unha nova ordenación militar e administrativa no territorio baixo o seu control. Reorganiza o exercito dividindo en dous corpos ao mando dos xefes supremos Solís e Rubén Celís. E o día 16 publica un decreto polo que se adoptan as primeiras medidas económicas e administrativas: nulidade de todos os actos do goberno de Madrid dende o día 2 de abril, sometemento de todas as xuntas a Xunta Superior do Reino da Galiza, abolición do sistema tributario, supresión da policía...
A revolución espallase por vilas e aldeas de toda Galiza e a Mariña sumase ao pronunciamento en Vigo.
A revolución perseguía unha amalgama de ideas de moi diversa índole. Nos militares será dominante o factor liberal e nos sectores civís, moi activos na preparación do golpe, serán importantes o factor provincialista, e os agravios cometidos contra diversos intereses da sociedade galega.
As principais proclamas liberais foron: “Isabel II libre e constitucional!, Abaixo o sistema tributario!, Liberdade!, Independencia nacional!, Cortes Constituíntes!”.
-O sentir provincialista queda ben resumido nun dos parágrafos do Manifesto Revolucionario da Xunta Superior do Reino da Galiza, cuxa autoría atribúese a Antolín Faraldo: “Galiza, arrastrando até aquí unha existencia oprobiosa, convertida nunha verdadeira colonia da corte, vai a erguerse da súa humillación e abatemento. Esta Xunta, amiga sincera do país, consagrarase constantemente a engrandecer o antigo reino da Galiza, dando proveitosa dirección aos elementos que atesoura no seu seo, erguendo os cimentos dun porvir de gloria".
Mais a pesar do seu éxito inicial por mor da inexperiencia militar dos mandos do exercito, a revolución liberal provincialista será derrotada no batalla de Cacheiras. Solís, que fora nomeado pola Xunta Capitán Xeral da Galiza, e 11 oficiais máis serán fusilados en Carral. Pasando a ser coñecidos como os Mártires de Carral.
Ao longo deste mes aparecerán máis posts, sobre feitos relevantes do levantamento.
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
1 comentário:
Vaia, pois isto non se aprende nas escolas. Interesante, coñecia aos Mártires de Carral, pero non coñecia esta historia.
Enviar um comentário