domingo, abril 23, 2006

Lembrando aos Martires de Carral.

RADIOFUSION (Radiofusión é a programación conxunta das Emisoras Municipais Galegas) realizará o vindeiro mércores 26 de abril un programa especial divulgativo en torno aos sucesos que acaeceron en Galiza en abril de 1846. O espazo poderá sintonizarse de 9 a 12 da mañá en RADIOFUSION Ferrolterra (107.7 da Frecuencia Modulada na área Ferrol A Coruña) e de 7 da tarde a 10 da noite no circuíto galego das emisoras municipais.

Non vos perdades a oportunidade de saber algo máis sobre estes feitos que na actualidade están medio esquecidos. A miña sincera noraboa por esta iniciativa.

sábado, abril 22, 2006

Agasallo convites ao Gmail.

Como xa todo o mundo sabe, Gmail é o correo de Google que fornece de case 3Gb de almacenamento e ten o que para min é o mellor sistema de organización do correo electrónico. Só se pode abrir unha conta no Gmail mediante convite se aínda non tes unha conta só tes que mandar un correo ao meu enderezo agatondosviosbardos(arroba)gmail.com e enviareiche un convite para que poidas abrir a túa conta de Gmail.

quarta-feira, abril 19, 2006

Manifesto revolucionario da Xunta da Galiza.


A expresión política nacionalista comezou a xestarse dende o século XIX. O primeiro episodio protagonizouno o provincialismo liberal, do que foi máximo expoñente Antolín Faraldo, e que culminou cun episodio tráxico: A revolución de 1846 obtivo o apoio de militares liberais que serían derrotados e que se saldou co fusilamento dos oficiais máis destacados, os chamados Mártires de Carral. Daquel episodio quédanos o que sen dubida é o manifesto máis fermoso que teña visto a luz na Galiza, publicado o día 20 de Abril no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra, maña cúmprense 160 anos da súa publicación:


A XUNTA SUPERIOR PROVISIONAL DE GOBERNO DA GALIZA
AOS SEUS HABITANTES.

[...] (No inicio fai un resumo de proclamas, ideas e feitos vinculados ao liberalismo)

Á inmortal Lugo cópolle a gloria de ser a primeira que deu ese berro santo, que é o eco de todos os corazóns, e na bandeira enarborada o día 2 de abril, sobre os muros daquela cidade, están escritos os pensamentos e desexos de toda a nación. Por isto o país respondeu ao instante á máxica verba que resoou en Lugo, Santiago, Pontevedra, Vigo Tui, Baiona, e os demais pobos do antigo Reino da Galiza reúnense en torno da única bandeira que pode salvarnos da ignominia e opresión, das tebras e a miseria.

Os cidadáns que subscriben e os que chegarán moi pronto a esta cidade, ao constituírse en Xunta Superior Provisional de Goberno das catro provincias da Galiza, polo voto unánime do pobo e do exercito, erguen en alto a bandeira de Lugo porque é patriótica, grandiosa, santa, e gravan nela con man firme o pensamento da revolución de 1846, seguros que cumpren a vontade do país poñendo como lema: ISABEL II LIBRE E CONSTITUCIONAL, ABAIXO O SISTEMA TRIBUTARIO, LIBERDADE, INDEPENDENCIA NACIONAL, CORTES CONSTITUINTES.

Ao tomar sobre os seus ombros unha misión tan honrosa como delicada só lles é dado anunciar que a cumprirán con resolución e lealdade, deixando o encargo de xustificar os seus actos, porén a vida dos seus individuos é ben pública para que poida inspirar desconfianza. Harmonizar todos os desexos e todas as vontades, dirixir a unha soa fin os esforzos dos pobos e tropas, centralizando a acción revolucionaria, e creando un directorio activo e intelixente que poña ás catro provincias da Galiza en estado de despregar todo o seu formidábel poder para poder propagar este alzamento tan puro e lexitimo pola súa orixe como sublime e inmenso pola súa fin, serán as principais tarefas da Xunta superior. Ningún obstáculo faralle retroceder na marcha e dende a altura onde a colocan os sucesos chamará aos pobos a quebrar as cadeas na fronte dos tiranos.

Cree, tamén, dentro da súa conciencia que ten outro deber que cumprir con respecto a Galiza. Ata agora a revolución foi unha horríbel mentira unha farsa impía... É tempo de que se realicen as encantadoras promesas que romperon os sacerdotes da política, recollendo os froitos de tanta abnegación e de tanto sacrificio. O pobo conquistará nesta revolución o que lle arrebataron os cómicos dos pronunciamentos: pan e dereitos, Galiza, arrastrando até aquí unha existencia oprobiosa, convertida nunha verdadeira colonia da corte, vai a erguerse da súa humillación e abatemento. Esta Xunta, amiga sincera do país, consagrarase a engrandecer o antigo Reino da Galiza, dando proveitosa dirección aos numerosos elementos que atesoura no seu seo, erguendo os cimentos dun porvir de gloria. Para conseguilo esforzarase constantemente en fomentar intereses materiais, crear costumes públicos, abrir as fontes naturais da súa riqueza, a agricultura e o comercio, e poñer en harmonía coa época os hábitos e ideas que deixou unha sociedade decrépita fundada sobre a ignorancia. Espertando o poderoso sentimento do provincialismo, e encamiñando a unha soa fin todos os talentos e todos os esforzos, chegará a conquistar Galiza a influencia da que é merecedora, colocándose no alto lugar ao que está chamado o antigo reino do Suevos. Que a espada da Galiza faga inclinar unha soa vez a balanza na que pesan os destinos de España.

GALEGOS. A Xunta Superior Provisional non vacilará en asegurarvos, que contando co voso franco apoio, logrará que a nosa provincia* sexa temida e respectada por nacionais e estranxeiros.

Patria e liberdade. Santiago 15 de abril de 1846. Pio Rodríguez Terrazo, Presidente. José María Santos. Ramón Buch. Por acordo da Xunta: Antolín de Faraldo. Secretario.


*Clara alusión ao obxectivo provincialista que esixía a reunificación da Galiza nunha única provincia tralo desmembramento do antigo Reino en catro provincias.

domingo, abril 16, 2006

160 Aniversario da Revolución de 1846



Este ano todo o mundo anda a celebrar o 75 aniversario da república, pero aquí nos Viosbardos celebramos con especial intensidade o 160 aniversario da Revolución de 1846, un dos acontecementos máis importantes na historia moderna da Galiza. O día 15 de Abril de 1846 constituíase a Xunta Superior do Reino da Galiza. Co obxecto de gobernar o Reino e coordinar os exércitos.

A revolución liberal-provincialista comeza o día 2 de abril cando Solís se pronuncia na praza Maior de Lugo. Santiago secunda inmediatamente o pronunciamento pasando a constituír a primeira Xunta Provincial. O primeiro fracaso da revolución prodúcese na Coruña onde o capitán xeral Villalonga logra deter aos progresistas coruñeses. O día 9 pronunciase en Pontevedra o capitán da Garda Civil Manuel Buceta e o día 10 o levantamento espallase a Vigo e a súa comarca.

Ao fracasar o pronunciamento no resto do Estado os feitos circunscribiranse só a Galiza, dándolle un carácter máis provincialista. O triunfar só en Galiza o alzamento a Xunta Superior do Reino da Galiza prantexa unha nova ordenación militar e administrativa no territorio baixo o seu control. Reorganiza o exercito dividindo en dous corpos ao mando dos xefes supremos Solís e Rubén Celís. E o día 16 publica un decreto polo que se adoptan as primeiras medidas económicas e administrativas: nulidade de todos os actos do goberno de Madrid dende o día 2 de abril, sometemento de todas as xuntas a Xunta Superior do Reino da Galiza, abolición do sistema tributario, supresión da policía...

A revolución espallase por vilas e aldeas de toda Galiza e a Mariña sumase ao pronunciamento en Vigo.

A revolución perseguía unha amalgama de ideas de moi diversa índole. Nos militares será dominante o factor liberal e nos sectores civís, moi activos na preparación do golpe, serán importantes o factor provincialista, e os agravios cometidos contra diversos intereses da sociedade galega.

As principais proclamas liberais foron: “Isabel II libre e constitucional!, Abaixo o sistema tributario!, Liberdade!, Independencia nacional!, Cortes Constituíntes!”.

-O sentir provincialista queda ben resumido nun dos parágrafos do Manifesto Revolucionario da Xunta Superior do Reino da Galiza, cuxa autoría atribúese a Antolín Faraldo: “Galiza, arrastrando até aquí unha existencia oprobiosa, convertida nunha verdadeira colonia da corte, vai a erguerse da súa humillación e abatemento. Esta Xunta, amiga sincera do país, consagrarase constantemente a engrandecer o antigo reino da Galiza, dando proveitosa dirección aos elementos que atesoura no seu seo, erguendo os cimentos dun porvir de gloria".


Mais a pesar do seu éxito inicial por mor da inexperiencia militar dos mandos do exercito, a revolución liberal provincialista será derrotada no batalla de Cacheiras. Solís, que fora nomeado pola Xunta Capitán Xeral da Galiza, e 11 oficiais máis serán fusilados en Carral. Pasando a ser coñecidos como os Mártires de Carral.

Ao longo deste mes aparecerán máis posts, sobre feitos relevantes do levantamento.

terça-feira, abril 11, 2006

A forza de ollar

Non fai moito ceaba nunha das máis concorridas hamburgueserías dos Viosbardos. A maioría da clientela son parellas ou grupos de amigos novos e matrimonios con fillos. O ambiente é tranquilo e agradábel sen a música estridente que soe caracterizar a estes sitios.

Pois estaba eu concentrado no pracenteiro acto de deglutir a hamburguesa intercalado co cerimonial de mollar a pataca no ketchup. Cando uns berros interromperon o meu moderno culto a miña panza. A uns metros da miña mesa un adolescente no medio da puberdade increpaba a un rapaz un par de anos maior ca el que cometera o abominábel delito de ollalo:

-Que miras?- Dixo o, de agora en diante, coñecido como macarrilla.

-No miraba nada- Dixo o rapaz.

-Como que no gilipollas que mirabas- Terzou o macarrilla.

-Tranquilo tío que no miraba nada- Tratou de apaciguar o rapaz. Craso erro!!. A pesares de que nunha bulla co macarrilla tiña a vitoria asegurada notábaselle que se achaba incomodo coa situación, mesmo diría que lle daba un pouco de medo as estupideces que puidese facer o macarrilla.

O macarrilla en cuestión respondía o estereotipo de macarrilla: máis moreno do habitual, roupa de macarrilla (precisada dun lavado) adornada cunha enorme cadea que mantiña ligada a carteira ao pantalón. Pero o máis interesante del era a súa olladela psicótica de cruel tirano magoado que desfrue torturando a canto ser pode.

Como supoñedes o intento apaciguatorio do rapaz só conseguiu encoraxar ao macarrilla. Que lle respondeu:

-A ostias te voy ensañar yo a mirar- Coa ollada que reflexa a satisfacción enferma desa humanidade lastimosa que só é feliz cando pode vingarse do mundo infrinxindo parte do dano que recibiu.

-No le vas a pegar a nadie así que sigue con lo tuyo- interrompeu un home sentado coa muller e o neno.

-Tu no me conoces y no sabes quien soy- Ollouno ameazante o macarrilla.

-Anda sigue con lo tuyo- respondeulle o home, que tiña unha curiosa olladela de indiferenza e firmeza, unha olladela que indicaba que lle importaba tan pouco que o rapaz se fora como darlle unha boa malleira.

O macarrilla achegouse a el botando todas as maldicións xitanas polos ollos e berroulle- No tienes ni idea de con quien te metes- Mentres lle apuntaba co furabolos no medio da cara. Supoño que encoraxado pola escasa talla do home.

Sigue con lo tuyo – respondeulle tranquilamente o home mirándoo directamente aos ollos.

O macarrilla comezou a irse falando aos berros co rapaz que o acompañaba, e que ata o momento non fixera nada.

-Se va a enterar, le clavo la navaja al gilipollas- dicíalle ao seu acompañante, mentres a súa ollada amosábanos o vacuo das súas ameazas, pois nela non había máis que impotencia e frustración que liberou deitando unha mesa ao chan violentamente provocando un grande estrondo.

O home que o achantou só coa ollada, non puido ver isto porque xa estaba a comer tranquilamente a súa hamburguesa ignorando as valentonadas dun macarrilla ao que xa sabía vencido e nin o sobresáltante estrondo da mesa ao caer puido distraelo do seu mester.

segunda-feira, abril 10, 2006

Auténtico humor galego



As viñetas de Fernando Quesada Porto Constituen unha mostra do auténtico humor galego. Persoalmente lembro que a primeira vez que vin a bitácora de Aduaneiros sem Fronteiras non puiden menos que lembrar a Quesada, a primeira máquina de radiografar a alma colectiva galega.
Por iso recoméndovos que vos fagades co seu libro recopilatorio “Xente a esgalla” publicado no 81. (ISBN 84.300.4999.1). Habédevos botar unhas risas a costa da nosa idiosincrasia.



domingo, abril 02, 2006

O Comezo

Aconteceu nunha das máis duras semanas da miña existencia na que o sono escaseaba e o stress abondaba. A mañá, antes da alborada, soou o espertador pero só a lóxica espertou. As lembranzas, os coñecementos e os sentimentos continuaron a durmir. Sen amarras a miña lóxica navegou libre e tomou conciencia da súa existencia ao preguntarse pola cuestión indispensábel senón podes nin intuír a resposta: ¿Que son? Como isto constituíu un pensamento,como boa lóxica, non puido menos que preguntarse: ¿Porque penso? E achou unha resposta: ¡¡Son un ente intelectivo!!. Á fin, o espertador cumpriu a súa función e o resto de min espertou mentres a miña lóxica aínda se interrogaba pola natureza do estraño ruído.

Todo o meu Eu traballando xunto descifrou a importancia do descubrimento. Se fun creado a imaxe e semellanza, se no principio foi a nada e na nada deixou o ronsel da súa solitaria viaxe a miña lóxica:

-¿Qué son?, ¿Porque penso?, Son un ente intelectivo. –Pensou o demiúrgo e todo comezou.